Un sistema de alimentación ininterrompida (SAI) é un trebello que permite mellorar a calidade da enerxía que reciben os equipos que se conectan á rede eléctrica, protexéndoos de subidas, baixadas ou picos de tensión.
Seguro que algunha vez che ten pasado: estás a traballar no ordenador, levas un tempo sen gardar os cambios no teu proxecto e, de repente, marcha a luz. No mellor dos casos, perdiches os cambios; no peor, os teus trebellos eléctricos puideron verse seriamente danados.
Para tratar de solucionar estas incidencias están os SAI, pequenos equipos con baterías internas que regulan e suplen a enerxía e a tensión da rede eléctrica, durante un tempo limitado.
Normalmente, un SAI subministra potencia eléctrica aos trebellos que ten conectados, protexéndoos en diferentes situacións anómalas:
- Corte de enerxía: en función da potencia do SAI, é capaz de subministrar enerxía durante un corte de enerxía, durante uns 10 ou 15 minutos. Este é un tempo suficiente como para gardar a información que teñamos no noso computador e poder apagar o equipo con normalidade.
- Sobretensión: ocorre cando a tensión da luz supera o 110%.
- Caída de tensión: sucede cando a tensión é inferior ao 85%
- Picos de tensión.
Este tipo de trebellos son habituais en contornas laborais e mesmo industriais (onde un grupo electróxeno está sobredimensionado). Sen embargo, hoxe falamos deles porque en contornas familiares tamén son moi importantes.
Cada día temos máis trebellos tecnolóxicos no fogar: ordenadores, televisores, electrodomésticos… unha maneira de protexer e alongar a vida dos máis delicados é dotar á túa instalación eléctrica dun SAI que faga de ponte entre o equipo e a instalación eléctrica doméstica.
O prezo destes equipos varía, normalmente, en función da potencia dos mesmos. Podes facerte cun dende menos de 50 euros. Os equipos máis básicos adoitan traer dúas tomas de corrente, polo que o ordenador e o router estarán protexidos durante máis tempo.


Pingback: Fai hoxe 271 anos... nacía Alessandro Volta, o inventor da pila eléctrica - Xente Dixital