É moi probable que este non sexa o primeiro post que ledes sobre a polémica xerada pola chegada da empresa Uber a Barcelona e Madrid. Trátase dunha aplicación que conecta pasaxeiros con conductores rexistrados no seu servizo. En Barcelona opera dende abril e en Madrid aterrou a finais de setembro aínda que o sector do taxi e a Comunidade de Madrid están a frear a súa implantación. A pregunta clave é: é legal que un particular lle cobre a outro por levalo no seu coche?
Como funciona
Para quen non coñeza Uber, despois de instalar a aplicación podedes pedir unha viaxe en tres sinxelos pasos: definir a ubicación de recollida deixando que a app atope a vosa localización a través do GPS, escoller o tipo de coche e, por último, seleccionar “solicitar recollida aquí”, para que nos envíen o condutor máis cercano. Se vivides en Barcelona e Madrid tamén podedes convertervos en condutores de Uber e cobrar polo servizo que ofrecedes.
Unha cuestión legal
Para responder á pregunta que formulabamos na introdución cómpre consultar a Lei de Ordenación do Transporte que, no relativo aos transportes privados, só contempla a posibilidade de “percepción de dietas ou gastos de desprazamento” para o dono do vehículo.
Dende o Ministerio de Fomento apuntouse que neste suposto encaixan plataformas
orientadas a compartir custos e sen ánimo de lucro. Uber alega que as tarifas que cobra (15 céntimos por minuto ou 65 céntimos por kilómetro) enmárcanse nos límites dunha dieta que serve para custear os gastos de mantemento dun automóbil.
A lei non concreta que pode considerarse unha “dieta ou gasto de desprazamento”, pero si especifica que o transporte privado é aquel que cubre as necesidades do “titular do vehículo e os seus achegados”, non de desconocidos. Cal vai a ser a interpretación final da norma?
A última nova
A Comunidade de Madrid iniciaba a principios de outubro un expediente sancionador contra Uber por operar sen licenza e establecía sancións para a empresa e os seus condutores de entre 4.000 e 18.000 €. Dende a Comunidade tamén se sinala que os usuarios da aplicación non van a ser inspeccionados nin sancionados. Agora tócalle mover a Uber e alegar contra a medida. Que vai a pasar con Uber en Madrid? Cal é a vosa opinión?
Fonte: El País.



Gustoume o artigo. Só que penso que a pregunta clave non é a que se formula no inicio. A pregunta clave desde a perspectiva do artigo (non a única, pois entendo que esxiten outras perspectivas) é se a administración pública madrileña está a defender os meus interese de cliente e cidadán ou os dun grupo corporativo.
Pero, insisto, non me parece que iso sexa o máis importante. As preguntas máis importantes teñen que ver con que novos modelos de traballo e de servizos podemos traballar na sociedade dixital. As normas e leis de usos de trransporte público ou as de categorización dos servizos de hoteis (estrelas) están xa desfasadas e non responden ós meus interese nen de cliente nen de cidadán.
Nen sequera responden ós intereses do país, preocupado por superar unha crise económica e de emprego no que os modelos de servizos colaborativos poden aportar moito, desde o meu modesto punto d evista.
Grazas polo traballo.
Moitas gracias por participar do debate e pola aportación Xosé 🙂