Ponse en marcha o Plan de Formación 2015 do programa de Voluntariado Dixital da Xunta

O programa de Voluntariado Dixital da Xunta, impulsado pola Amtega e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vén de poñer en marcha o Plan de Formación 2015 co título “Design Thinking para a Innovación Social Dixital”. O obxectivo é ofrecer as ferramentas e metodoloxías máis avanzadas para xerar ideas, detectar necesidades de mercado e resolver problemas apostando pola innovación como un proceso colaborativo. Podedes informarvos sobre o programa na web voluntariadogalego.org.

O programa desenvolverase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), en Santiago. Haberá dous bloques de dúas xornadas cada un: o 17 e o 18 de xuño de 10:00 a 20:00 e o 1 e 2 de xullo de 16:00 a 20:00. Se vos interesa inscribídevos xa aquí porque as prazas son limitadas.

Tomando como referencia os 10 proxectos seleccionados para CeMIT-Innova, traballarase en todas as fases da metodoloxía Desing Thinking: empatía, definición, ideación, prototipado e testeo.

Designthinking.gal

Que é o Desing Thinking? É unha disciplina que usa a sensibilidade e os métodos dos deseñadores para facer coincidir as necesidades das persoas co que é viable económica e tecnoloxicamente. O método está avalado e promovido polo Institute of Design da Universidade de Stanford.

Os responsables das xornadas serán os membros de designthinking.gal; espazo educativo formado por un equipo multidisciplinar que desenvolve a metodoloxía Design Thinking adaptada á nosa contorna.

Nesta actividade participarán Enrique Saavedra –enxeñeiro en Deseño– e Marcos Saavedra –deseñador de produto– co-fundadores do estudio Vermis Project e dos proxectos VermisLAB e Designthinking.gal, José Ramón Rodríguez –psicólogo empresarial con 27 anos de experiencia desenvolvendo plans de formación– e Chus Prol –filóloga e storyteller–.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.