A Amtega presentaba a finais de marzo o proxecto “CeMIT-Innova: Fomento da innovación social dixital”, en colaboración con Fundetec. A iniciativa busca sentar as bases para a implantación en Galicia da innovación social dixital co soporte da Rede CeMIT.
Que é a innovación social dixital? A idea é que a tecnoloxía sirva para resolver retos locais ligados á educación, a saúde, o emprego, etc. Son proxectos sociais que teñen as TIC como base e que son deseñados por cidadáns e axentes locais capaces de detectar as necesidades máis inmediatas da súa contorna.
As fases de CeMIT-Innova
O primeiro paso é crear unha comunidade virtual na que os responsables das aulas CeMIT poderán compartir experiencias e formular proxectos de innovación social que servirán para seleccionar as 10 aulas que participarán no piloto.
Nunha segunda fase, as aulas seleccionadas realizarán obradoiros de traballo locais nos que se detectarán necesidades sociais que se poidan resolver con proxectos de innovación social dixital. A última fase será a aplicación das solucións, a medición de resultados e a súa avaliación.
O seguinte paso será elaborar unha guía metodolóxica cos resultados conseguidos neste ano e un manual de uso das principais ferramentas colaborativas do proxecto. Esta publicación facilitará a extensión destas solucións a outras aulas interesadas.
Durante o desenvolvemento do proxecto os responsables das aulas contarán co asesoramento dun mentor experto en innovación social que os apoiará nas tarefas de detección, deseño, posta en marcha e análise dos proxectos.


