Xa o probastes? Que diferenzas notades entre empregar WhatsApp no móbil e na web? Para os que non o probarades explicámosvos que tedes que facer ou por que os usuarios de iOS non poden acceder a WhatsApp Web.
Para os usuarios de Android, ou de calquera sistema operativo dos que vedes na imaxe, resulta moi sinxelo acceder á versión web de WhatsApp. O primeiro paso é actualizar a app no móbil para dispoñer da última versión. Despois só tedes que seleccionar no menú da aplicación “WhatsApp Web” e escanear no ordenador o código QR que atoparedes en web.whatsapp.com. Comprobaredes que o funcionamento é practicamente idéntico á versión móbil. E que incluso podedes acceder ás conversas antigas.
Por que non poden acceder os usuarios de iOS? A versión de WhatsApp é que “desafortunadamente, por agora, non somos capaces de ofrecer o cliente web aos usuarios de iOS debido ás limitacións da plataforma de Apple”. A realidade é que WhatsApp Web choca coas limitacións que Apple impón a desenvolvedores e usuarios. E é moi probable que a política de privacidade de Apple tamén sexa un “problema”. Veremos canto tempo tardan en atopar unha solución.
WhatsApp web, outra maneira de comunicar e compartir contidos na rede
A novidade presentada pola compañía vai moito máis alá do feito de desfrutar deste servizo móbil na web. WhatsApp permitía comunicarnos coa xente da nosa lista de contactos e compartir contidos con eles. Agora case lle podemos dar a volta á fórmula; algúns estudos xa sitúan a WatsApp por diante de Facebook na difusión de contidos na rede.
É diferente recibir unha ligazón, un vídeo…, no móbil ou no ordenador. Algunhas marcas xa están a empregar a aplicación para comunicarse cos seus clientes; The Huffington Post úsao para ofrecer información do tempo, por exemplo. WhatsApp Web vai a provocar que os seus esforzos se multipliquen para chegar aos potenciais clientes por esta vía.


