Quen de vós non fixo algunha busca dalgún servizo no móbil, na rúa? Disque o futuro está no marketing local. Que é? Os consumidores buscamos servizos e produtos que poidamos atopar preto de onde nos atopamos. Parece lóxico que as marcas intenten chegar a nós a través dos dispositivos móbiles e dos servizos de xeolocalización.
Un teléfono dun restaurante, unha farmacia que abra 24 horas, a ferretería máis cercana… Cada vez buscamos máis este tipo de contidos no móbil. O buscador é o intermediario entre consumidor e negocio local.
Máis alá da comunicación en redes sociais ou do Big Data para chegar a públicos con intereses concretos, cómpre dirixirse a usuarios que buscan servizos na súa cidade. Segundo Google Think Insights o 80% facemos este tipo de buscas que inflúen directamente nas decisións de compra. Como chegamos a este tipo de usuario?
Google creou formatos publicitarios específicos para o mercado local. Google AdWords Express, por exemplo, é unha plataforma de anuncios en Google pensada para negocios locais. A visibilidade e a promoción a través de Google Maps é básica para calquera empresa que venda os seus produtos ou ofreza servizos no mundo real.
Por outra banda, Facebook e Twitter tamén están a facer cambios importantes neste sentido. Twitter, por exemplo, asinou un acordo con Foursquare (rede social de xeolocalización) para etiquetar espazos e lugares cando se publica un tuit.
Algúns consellos de marketing local
- Coida o local. É obvio pero antes de coidar a comunicación da marca cómpre coidar os servizos que se ofrecen. Queremos que nos atopen e que atopen opinións positivas sobre nós.
- Publicidade local. Carteles, folletos, tarxetas, caixas de produtos, etc. Todo conta para informar e para captar novos clientes. É fundamental coidar a imaxe corporativa.
- As colaboracións. Un restaurante e unha marca de viño non teñen un tipo de cliente parecido? Nos puntos de venta e na comunicación online, é boa idea traballar xuntos.
- A rede. Xa temos listos o local e a lista de produtos e servizos. Toca crear unha web na que falar da empresa, un blog no que falar sobre a actividade da mesma e sobre temas relacionados, e as páxinas de redes sociais para estar en contacto cos posibles clientes.
- Aparecer no mapa. Crear unha páxina de Google+ e estar en Foursquare, e incluír a ubicación na web, no blog e nas redes sociais son pasos fundamentais para aparecer no mapa.
Fonte: PuroMarketing.


