Na carta aos Reis Magos de Xente Dixital imos recoller algunhas das recomendacións que fixemos nos últimos meses pensando, sobre todo, en nenos e adolescentes. Ademais quedades invitados a comentar o post e a axudarnos a corrixir ou completar a lista de dispositivos tecnolóxicos máis axeitados para os máis novos da casa.
Coincidindo coa volta ao cole, abriamos unha caixa de ferramentas tecnolóxicas na que había un ordenador, un ebook e unha tablet. Se estades pensando en mercar un ordenador, antes de aceptar calquera oferta, debemos ter claro que hoxe a maioría de ordenadores do mercado, por baratos que sexan, cobren gran parte das necesidades dos estudantes.
Comparabamos a tablet co ebook. A primeira permite o consumo de información multimedia e dános posibilidades como o procesamento de textos ou a busca de información na rede. O ebook permítenos ler documentos e artigos “escritos” con tinta electrónica; factor a ter en conta cando se pasa moito tempo lendo. Ademais, en xeral, é sensiblemente máis barato que a tablet.
Para ordenadores, tablets e móbiles, xa repasamos algunhas aplicacións educativas obrigatorias.
Un dos regalos estrela deste Nadal son as videoconsolas e os videoxogos. Xa vos falamos da nova xeración de videoconsolas, comparamos prezos e características da Play Station 4, a Xbox One e a Wii U. Antes de mercar os xogos visitade vandal.net, portal galego sobre videoxogos no que ides atopar toda a información que necesitades.
Que dispositivos hai na vosa lista?
Hai máis opcións ademais do ordenador, o ebook, a tablet ou a videoconsola para regalar tecnoloxía neste Nadal.
Teléfonos móbiles, libros, películas, música, reproductores de música…, como completariades esta lista? Se tivésedes que escoller un dispositivo tecnolóxico, cal regalariades ou cal vos gustaría recibir?


