Chega o verán e, con el, as vacacións para moitos (un agarimoso saúdo para os que non poidan gozar das vacacións este mes!)
Qué cousas podes facer dende o punto de vista da tecnoloxía para que o teu verán saia estupendo? Aquí che deixamos uns cantos consellos.
1.- Crea un backup ou copia de seguridade do teu ordenador / teléfono móbil.
Nunca está demais ter unha copia de seguridade dos teus datos, sexa un teléfono móbil ou un ordenador.
Podes aproveitar esta época do ano para facer limpeza de arquivos que non utilizas e crear un respaldo do teu ordenador ou do teu teléfono móbil (se tes un smartphone é aínda máis preciso), para evitar perdas de datos que poidas (ogallá non!) algún día.
2.- Ollo coa praia!
A auga e a tecnoloxía de consumo adoitan ser unha combinación letal, así que se este verán pasa pola praia ou a piscina, ten moito coidado co teu portatil ou co teu teléfono.
E, se polo motivo que fose, o teu smartphone decidiu probar a auga, lembra que para salvalo hai que quitarlle a batería canto antes (se é posible) NUNCA tratar de acendelo, e poñelo nun recipiente con arroz cru, para que este poida absorber a humidade. Pasadas 24 horas ou dous días, proba a acendelo, a ver se a sorte está contigo.
Pero non so a auga é un problema. Moito ollo coa area, xa que os microcristais da mesma poden deixarche boas marcas de raiazos no teu terminal.
Para iso, o mellor é non sacar o móbil cando estés na praia, pero se non es capaz de evitalo, procura utilizar unha funda
Sol: procura que non lle dé directamente aos teus trebellos electrónicos; as altas temperaturas non lle sentan nada ben, e poden estropearse.
3.- Internet en mobilidade
Propómosche dúas fórmulas sinxelas para levar internet sempre contigo.
- “Pincho USB“: se utilizas un portátil, leva contigo un pincho usb que se poida conectar a unha rede móbil.
- Tarifa de datos no móbil: Se o teu móbil ten tarifa de datos e permite compartir a conexión, a mellor opción é facer un uso máis produtivo desa tarifa de datos e compartila co teu portátil. Se navegas sen cargar imaxes nin vídeos, non se resentirá a túa velocidade de conexión, e o paquete de datos contratado durará máis.
4.- Aplicación GPS
Descarga unha aplicación de mapas que faga uso do GPS para o teu teléfono móbil. Hainas de pago, e hainas de balde, así que non tes excusa para descargar algunha aplicación e non chegar tarde aos sitios, nin perderte.
Se utilizas iOs ou android, ámbolos dous sistemas teñen integrado un sistema de mapas de forma nativa, e non terás necesidade de instalar unha aplicación de terceiros.
5.- Un cargador ou batería de reposto
Aínda que estemos de vacacións, os nosos trebellos seguen a consumir unha inxente cantidade de batería. Unha solución para non quedar sen batería é levar unha de reposto (no caso de poder cambiala) ou… levar un cargador de batería no peto. Actualmente esta solución é relativamente económica (a partires dos 20 euros) e permiten cargar un ou varios trebellos á vez, en función da potencia e do modelo. Se non es quen de vivir sen este tipo de aparellos, esta é a túa solución máis asequible.

