Xa se coñece cales son os 50 proxectos que van formar parte da segunda edición de Galicia Open Future, o gran centro de emprendemento galego posto en marcha por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia. Son proxectos en diferentes graos de maduración (idea, prototipo, piloto, etc.) e de sectores tan diversos como o madeireiro, a saúde, a automoción, a gandería, a agricultura ou as smartcities. Algúns deles proceden de centros tecnolóxicos e de investigación galegos.
Desta volta seleccionouse un proxecto do norte de Portugal. A idea é abrir o camiño cara o intercambio de ideas dos emprendedores con empresarios doutros países e fomentar a internacionalización dende as primeiras etapas do emprendemento.
Galicia Open Futre II dende setembro
O obxectivo volve ser impulsar a xeración de emprego en Galicia. Durante os seis meses de duración do programa –prorrogables en períodos de 3 meses– os participantes poderán traballar na sede de Galicia Open Future na Cidade da Cultura, en Santiago, e recibir formación e adestramento especializado adaptado ás diferentes fases de maduración e modelo de negocio dos seus proxectos.
A través de openfuture.org entrarán en contacto con emprendedores de todo o mundo que participan no programa de innovación aberta Open Future de Telefónica. Trátase de conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas a nivel mundial. Por último, o equipo de GOF axudaralles na busca de financiamento para os distintos proxectos.
Lembrar que os emprendedores contarán cunha axuda de 2.000€ concedida pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Programa de Incentivos da Xunta. Superada a fase de formación, un xurado seleccionará aos 3 mellores que recibirán unha achega de ata 25.000€ para o desenvolvemento do proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable doutros 25.000€ concedidos por XesGalicia.
Lista dos 50 admitidos na segunda edición de Galicia Open Future.


