Usádelos? Resúltanvos útiles? En venturebeat.com preguntáronse que asistente de voz funciona mellor en inglés, italiano, francés, alemán e chino. Por quen apostades? Siri (iOS), Cortana (Windows Phone) ou Google Now (Android)?
O método para o estudo consistía en facer 18 preguntas nos 5 idiomas. Se as respostas eran boas e directas obtiñan un punto, se eran confusas e non resultaban moi útiles, medio punto, e se eran irrelevantes 0 puntos.
Primeiro en inglés
En inglés, sobre 18 puntos, Siri consegue 14,5, Cortana 12,5 e Google Now 11,5; podemos dicir que hai un “empate técnico”. Que acontece cando cambiamos a alemán, italiano ou chino mandarín?
En italiano Siri consegue 14,5 puntos e ningún dos seus competidores aproba. Os resultados en alemán e francés son moi similares. As únicas dúas ordes que se entenden en “todos os idiomas” (os do estudo) son: facer chamadas e enviar mensaxes de texto.
Se falamos en chino mandarín o asistente de Apple saca un un 13,5, Cortana un 5 (sobre 18) e Google Now só un 1,5; só entende o 8% do que se lle pregunta.
Chama a atención que non se entenden ordes básicas como “pon o teléfono en silencio”. E seguro que vos fixastes en que, moitas veces, recurren á solución “atopei estes resultados na rede”. Conclusión: queda moito traballo por facer. Aquí podedes ver unha infografía con todas as cifras.



