Este luns presentábase o “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñarías e matemáticas en Galicia”, elaborado pola consultora Everis, dentro do seu compromiso como empresa asinante do Pacto Tecnolóxico de Galicia.
A principal conclusión é que, nos próximos 5 anos, os titulados das universidades galegas en estudos do ámbito científico-tecnolóxico, non será suficiente para cubrir a demanda de profesionais TIC. Dos 10.000 alumnos titulados das universidades galegas no 2014, só 753 cursaron carreiras deste sector.
Cal é a causa da falta de vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñarías e matemáticas)? Partiuse dunha mostra de 5.120 estudantes da ESO e de Bacharelato de 40 centros educativos e identificáronse unha serie de variables que inflúen nos alumnos á hora de elixir itinerario formativo: o propio alumno, a contorna educativa e a contorna social. Sobre estes mesmos ámbitos, o estudo propón distintas liñas de actuación para contribuír ao incremento de vocacións TIC.
Cuestión de confianza, dificultade e xénero
Chama a atención que o 40% dos estudantes non se sinten capaces de cursar este tipo de estudos; vense capaces o 76% de alumnos e o 54% de alumnas. Esta fenda de xénero reflíctese na porcentaxe de homes e mulleres que escollen o bacharelato científico-tecnolóxico (74% de rapaces e 33% de rapazas).
A vocación é a principal motivación para a elección do ámbito de estudos (92%), seguida da utilidade e a facilidade. A facilidade é o que leva a preto do 60% dos alumnos, a escoller un bacharelato distinto ao científico.
O informe desenvolve a influenza da contorna próxima, educativa e social. Importan as opinións de pais e nais e a imaxe de excesiva dificultade deste tipo de estudos. Conclúese que se necesita desenvolver accións que suavicen a percepción de dificultade destas carreiras e que poñan en valor a relación custo-beneficio de desenvolvelas.
Por último, tamén cómpre redefinir as colaboracións escola-universidade-empresa. Os alumnos demandan información sobre as distintas profesións e moitos deles non relacionan estes estudos con profesións ben remuneradas ou cun impacto social importante.


