A principios de mes asinábase un convenio de colaboración entre o Valedor do Pobo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Universidade de Santiago de Compostela e a Amtega, para o deseño e a posta en marcha dunha plataforma en liña para captar datos reais sobre o uso que os adolescentes fan das novas tecnoloxías.
En poucos meses estará dispoñible para todos os centros de secundaria de Galicia un cuestionario con once preguntas relacionadas co uso que fan os menores de internet e as novas tecnoloxías. Obteranse datos útiles sobre ciberdependencia e ciberacoso, entre outros comportamentos.
O obxectivo volve a ser concienciar e promover un uso responsable das posibilidades que ofrece a rede; en Xente Dixital xa vos falamos do estudo “Os mozos e as TIC” presentado polo Osimga en outubro de 2013.
Neste caso será o Valedor do Pobo quen lidere o proxecto e se encargue do asesoramento técnico-xurídico. A Consellería sensibilizará e formará aos profesionais educativos e a Amtega e os técnicos da USC serán os responsables do desenvolvemento e posta en marcha da aplicación informática.


