Esta semana definimos o concepto Sociedade da Información e repasamos os últimos datos dos principais indicadores publicados recentemente polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da SI (ONTSI). Hoxe facemos un exercicio de imaxinación e preguntámonos como será a Sociedade da Información do futuro.
A Fundación Telefónica publicaba a principios de ano o estudo “La Sociedad de la Información en España 2013”. Entre outras informacións, analizan algunhas tendencias de futuro que comezan a estar presentes.
Os wearables
O concepto da internet das cousas do que xa vos falamos en Xente Dixital, pasou de ser un concepto futurista a converterse nunha realidade incipiente. Unha das primeiras manifestacións deste tipo de tecnoloxía son os wearables, dispositivos con forma de reloxos ou pulseiras, por exemplo, que ofrecen información en tempo real ao usuario e que están ligados, por agora, aos smartphones ou teléfonos intelixentes.
Pero para que nos fagamos unha idea do camiño que queda por percorrer, o número de liñas M2M que serven para conectar dúas máquinas entre si, supón só o 5,4% dos acceso móbiles totais.
A fábrica do futuro é dixital
O avance da Sociedade da Información nos últimos anos transformou sectores como o audiovisual e impuxo cambios importantes noutros moitos nos que a tecnoloxía serviu para a optimización e mellora dos procesos existentes. Hoxe observamos algunhas tendencias de caracter tecnolóxico (almacenamento na nube, internet das cousas, tecnoloxías de fabricación de baixo custo, etc.) e social (software libre, crowdfunding, etc.) que fan pensar nun cambio profundo no modelo produtivo.
A dixitalización e personalización cambian o modelo de educación
Xa vos falamos en moitos posts da utilización das TIC no ámbito educativo. Comezou un proceso de transición cara o dixital que, por agora, se traduciu nun maior uso dos dispositivos tecnolóxicos. Sen embargo, en paralelo desenvólvense iniciativas como o Proxecto Abalar que impoñen cambios fundamentais no acceso á información, e que se están a convertir en elementos transformadores do modelo educativo.



Pingback: O boom da internet das cousas - Xente Dixital