Na semana na que estamos a falar sobre os efectos do uso da tecnoloxía para a sociedade, chamounos a atención o caso da India onde se están a desenvolver iniciativas online e aplicacións que rastrexan e alertan de casos de violencia de xénero.
Antes de falar de ningunha aplicación cómpre coñecer un pouco mellor ata onde chega o problema da violencia contra a muller na India. No 2014 publícase o estudo internacional “The making of sexual violence” no que se entrevista a homes de 5 países distintos e no que o 25% dos entrevistados indios afirmaron ter participado en ataques sexuais algunha vez.
A finais de 2013, a empresa india Channel V presentaba a aplicación Vith U. Despois de pulsar dúas veces o botón de ancendido a aplicación envía a mensaxe “Estou en perigo. Necesito axuda. Por favor, localízame” xunto coa localización GPS aos contactos introducidos previamente. Vith U lanzouse hai 10 meses e xa conta con millón e medio de usuarios.
Outro exemplo é o de Safetipin, aplicación ideada por Kalpana Vishwanath, membro da ONG Jagori. Esta app para móbiles establece parámetros para que os usuarios poidan puntuar o nivel de seguridade da contorna urbana. Rastrexa a vulnerabilidade das mulleres en base ao desenvolvemento das infraestruturas en rúas, barrios e distritos.
Por último, en Mumbai, a organización local Akshara creou o mapa interactivo HarassMap Mumbai. Permite que as mulleres da cidade poidan elaborar informes nos que describen o lugar, a hora e o tipo de ataque sufrido. As áreas inseguras e os ataques verbais ou físicos debúxanse en forma de puntos nun mapa da cidade. Trátase de recoller información e de involucrar á xente nova para loitar contra o problema.
Hai que ter en conta que o nivel de penetración de internet na India é moi baixo (16%) e que só unha pequena parte da poboación pode acceder a dispositivos móbiles cos que beneficiarse destas aplicacións. O primeiro paso é a concienciación da poboación e o segundo e máis necesario, a colaboración por parte do goberno e das institucións indias.
Fonte: El País.



