A finais de outubro celebrábase no CDTIC o obradoiro “Tenda en liña con software libre”, impartido por Madialeva e organizado pola Amtega. Destinado a autónomos e pemes, o obxectivo era coñecer mellor as tendas en liña e cales son as alternativas en software libre.
O comercio electrónico permítenos chegar a moitos máis clientes, aforrar en locais e instalacións e operar sen ter os produtos fisicamente no noso poder. Podemos traballar dende a casa e non dependemos dun horario para vender. Pero cales son os requisitos para vender por Internet?
Necesítase un plan de empresa e involucrar a xente coñecedora do entorno no que nos imos mover. Necesitamos coñecer o significado de emprender en Internet. É un entorno que evoluciona moi rapidamente, onde os usuarios poden ter incluso máis información ca nós sobre o produto que vendemos, e onde non é doado atraer clientes. A solución? Empregar ferramentas e servizos sinxelos, que poidamos dominar, aportar valor ao que vendemos e tirar proveito, por exemplo, da comunicación en redes sociais para chegar a posibles clientes.
Concienciados sobre as dificultades pero, sobre todo, sobre a necesidade de coñecer o mundo do comercio electrónico, presentáronse 3 alternativas de tenda en liña con software libre: Magento, Opencart e Prestashop.
Magento é unha plataforma consolidada que nos ofrece moitas posibilidades pero os requerimentos de hardware son elevados e a instalación é complexa. A persoa que desenvolva e xestione a tenda debe ter experiencia en desenvolvemento web. Opencart é unha solución a ter en conta para proxectos pequenos pero antes de escoller esta opción convén preguntarse se Opencart ofrece as funcionalidades que necesitamos implementar na nosa tenda.
Cal é o software máis recomendable? Prestashop. Por que? É o software de comercio electrónico máis equilibrado por custo, facilidade de uso, características actuais e facilidade para desenvolver novas funcionalidades, documentación e soporte técnico, etc.
Só necesitades unha boa idea e algo de asesoramento para ter a vosa propia tenda online. É máis barato e doado do que pensades.




Pingback: O email marketing, imprescindible para vender online - Xente Dixital