O mércores volveremos a falarvos das axudas da Xunta para contratar internet vía satélite nas zonas máis illadas de Galicia; a terceira convocatoria estará aberta ata o próximo 30 de agosto. Xa sabedes que as axudas están destinadas a fogares e pequenas empresas que non dispoñan dunha conexión de cando menos 2 Mbps, mediante outra tecnoloxía. Como saber que cobertura hai na vosa zona? Coñecedes ReDe?
ReDe é unha ferramenta de consulta que nos da información sobre a cobertura de banda larga acadada coas actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013. Dende o noso navegador podemos obter información sobre a cobertura de banda larga ou rexistrar demandas de banda larga.
Só tendes que acceder á aplicación e introducir a información de provincia, concello, parroquia e núcleo de poboación. Podedes chegar a un resultado como o que podedes ver na seguinte imaxe.
No caso de non dispoñer de cobertura de banda larga, pódese cubrir un formulario para rexistrar unha demanda deste servizo.



