O desenvolvemento e a implantación das TIC nos últimos anos provocou que se convertiran na base do traballo na maioría de sectores profesionais. Por outra banda, están a xurdir novos perfís profesionais dentro dun sector TIC cada vez máis complexo.
Fabián Varas, responsable do sector TIC en Corporación Tecnológica de Andalucía, escribía en eleconomista.es sobre as TIC como vector clave do emprendemento. As TIC cambiaron a forma de traballar nas empresas: podemos acceder a máis información, o que favorece a toma de decisións. Tamén provocaron unha revolución a nivel formativo que remata na creación de novos servizos e empresas TIC.
En Xente Dixital asisitimos a finais de ano ao seminario “Novos Perfís Profesionais na Era Dixital”. Juan Merodio, experto en marketing, afirmaba o 60% dos empregos nos próximos anos terá base dixital. Incidía, entre outras cuestións, na importancia de coidar a marca persoal: perfil profesional que construímos a través da comunicación en páxinas web, blogs e redes sociais. En Xente Dixital escribiremos moi pronto sobre marca persoal; requisito fundamental para triunfar nun mercado de traballo moi marcado polas TIC.
En canto ao sector TIC, profundizábase nos servizos e nos novos perfís profesionais vencellados ao marketing e á comunicación dixital, á programación e ao deseño dixital; lembrades que é o inbound marketing?
Os portais de traballo freelance
Coñecedes os portais de traballo freelance? Conectan a empresas ou proxectos con traballadores freelance (autónomos) que poden desenvolvelos. As empresas do sector TIC contan con plantillas de traballadores cada vez máis pequenas, e cada vez hai máis profesionais, emprendedores e autónomos, que buscan proxectos na rede nos que colaborar. Son perfectos para programadores, deseñadores ou creadores de contidos.
Podedes probar freelancer, odesk, Infojobs Freelance ou Nubelo, entre outros. Pero non vos fagades ilusións cando vexades centos de ofertas ás que responder: a realidade é que se trata dunha fórmula moi nova que se adapta mellor a uns sectores que a outros, e que nun entorno tan global como Internet fomenta, por agora, un traballo moi precario.



