Últimos días para participar nos desafíos da Axenda Dixital de Galicia 2020

AxendaDixitalGalicia2020

Nas últimas semanas presentámosvos o blog e invitámosvos a participar nos desafíos da Axenda Dixital de Galicia 2020. Lembrade que é a ferramenta a través da que cidadáns, axentes sociais e económicos e colectivos sociais, colaboramos na elaboración da Axenda Dixital de Galicia. Ata o día 30 de novembro podedes dar a vosa opinión sobre que uso dar ás TIC para mellorar en educación, empresas, sectores primarios, accesibilidade e servizos públicos dixitais.

Cando se nos pregunta como aplicariamos a tecnoloxía para mellorar a educación no futuro, repítese a opinón de que, ademais de dotar de equipamento tecnolóxico aos centros educativos, debe traballarse na mellora do sistema educativo a través do uso das TIC. Mellora que pasa, por exemplo, pola creación de contidos audiovisuais de calidade. Dende a Federación Down Galicia opinan que hai que dispoñer de libros de texto e outros materiais en formato electrónico e de lectura doada, fomentar o uso da lectura doada ou pictogramas para que os alumnos con discapacidade intelectual teñan acceso a unha educación de calidade…

En canto ás empresas e o uso que fan das TIC, nunha das últimas achegas podemos ler que “sería importante formar aos empresarios explicándolles que as TIC suporán un beneficio para eles en termos de produción e eficiencia. Sería interesante que as empresas puidesen acceder a axudas que lles permitisen contar con eses produtos tecnolóxicos”.

As novas tecnoloxías tamén van a xogar un papel fundamental no futuro dos sectores primarios en Galicia. Entre outras suxerencias, podemos recoller ideas como que “A utilización de sistemas de localización do gando vía satélite facilitaría a labor de supervisión do rabaño en producións extensivas”. Ou atopar reflexións como que “A modernización de regadíos tamén é importante. Poderían considerarse iniciativas como as que se levan a cabo nos Estados Unidos empregando imaxes de satélite para a explotación dun sistema de rego asistido”.

No blog tamén se pide a vosa opinión sobre que facer en materia de accesibilidade dixital para que todos poidamos facer uso dos servizos públicos dixitais. E pregúntase a que servizos públicos nos gustaría acceder a través da rede. Acceder ao expediente educativo ou ao historial médico, avanzar na resolución de trámites coa Administración a través de internet e na apertura e reutilización de datos públicos…, son algunhas das achegas rexistradas. Tedes algunha outra idea?

Lembrade que ata o día 30 de novembro podedes participar nos desafíos da Axenda Dixital de Galicia 2020. A túa opinión é importante para deseñar o futuro tecnolóxico de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.