Aprender inglés, sacar o carné de conducir, poñerse en forma ou deixar de fumar son algúns dos propósitos de ano novo máis habituais. Facemos unha lista de aplicacións que nos poden axudar a acadar os obxectivos.
Duolingo
Duolingo é a aplicación perfecta para enfrontarnos ao reto dos idiomas. A modo de videoxogo, superamos probas e niveis para aprender inglés, alemán, francés ou portugués. Aplicación moi sinxela e gratuíta. Está dispoñible para Android e iOS.
Autoescuela Móvil
Esta app bótanos unha man para sacar o carné de conducir. Podemos acceder a tests oficiais da DGT para practicar onde queiramos dende o móbil ou a tablet. Tamén está dispoñible para Android e iOS.
Endomondo Sports Tracker
Aplicación ideal para saír a camiñar, correr, ir en bicicleta… Podemos medir duración, distancia, velocidade, calorías consumidas, etc. Dános opcións interesantes como a de “vencernos a nós mesmos”: seleccionamos un exercicio anterior como obxectivo e recibimos instrucións do entrenador a través dos auriculares do teléfono. Está dispoñible en iTunes e en Google Play.
QuitNow!
Falámosvos dela hai uns días cando vos dabamos algunhas aplicacións para coidar a vosa saúde. Repetimos porque é a aplicación máis popular e recomendable para un dos propósitos de ano novo máis comúns: deixar de fumar. Dános información do tempo que levamos sen fumar, información de saúde e dos obxectivos conseguidos, para axudarnos a manter a motivación.




