A Xunta de Galicia presentaba a finais de ano a “Guía de Boas Prácticas de RSE do sector TIC galego”. Que significa a responsabilidade social empresarial (RSE) para o sector TIC galego? Como se alcanza? Que aporta a tecnoloxía á RSE? Esta iniciativa e o Estudo do grao de implantación da RSE no sector tecnolóxico galego son froito do acordo asinado entre a Amtega, a Consellería de Traballo e Benestar e as asociacións Agasol, Agestic, Eganet e o Clúster TIC.
Nun post só podemos asomarnos e invitarvos a descubrir unha guía que, sobre todo, busca o impulso á responsabilidade social tecnolóxica e o fomento, difusión e posta en marcha de boas prácticas en materia de RSE.
Podemos comezar por lembrar que o termo responsabilidade social empresarial fai referencia ao “conxunto de compromisos que unha empresa adquire para xestionar o seu impacto económico, social e ambiental. E para facer compatibles o obxectivo de obtención do máximo beneficio coa xeración de beneficios para o conxunto da sociedade”. A guía estrutúrase en 6 módulos independentes. Podedes resolver dúbidas sobre RSE, coñecer mellor o ecosistema TIC e RSE en Galicia ou as características e conxuntura do contexto actual. Neste post queremos asomarnos ás ferramentas de RSE para as TIC e aos casos de estudo.
As empresas TIC teñen 2 maneiras de enfocar a súa RSE: exercendo a responsabilidade social como unha empresa máis ou promovendo o uso social e responsable dos seus produtos, impulsando o papel que ten o propio sector de motor de cambios sociais. Esta segunda vía consiste en promover a responsabilidade do sector desenvolvendo melloras tecnolóxicas noutros ámbitos sociais como a educación ou a saúde. Na guía desenvólvese a posible relación entre as TIC e a saúde, a inclusión dixital, a educación, a sustentabilidade, o xénero e a conciliación, e a cooperación ao desenvolvemento.
Un exemplo? No apartado “TIC e saúde” analízase como as novas tecnoloxías poden impactar no sistema de atención de saúde de maneira directa, aplicando as TIC na xestión dos servizos de saúde e no acceso á súa información, e de maneira indirecta, aplicando as TIC nas accións de información, educación e comunicación nos servizos dirixidos aos profesionais da saúde e á poboación en xeral.
Que é e por que paga a pena traballar a RSE dunha empresa, respóndese repasando exemplos reais de empresas que levaron a cabo e consolidaron estratexias ou accións RSE na súa organización. Na última parte da guía podedes atopar exemplos clasificados da seguinte maneira:
- Iniciativas nas que a acción de RSE está ligada coa propia actividade da empresa ou cos produtos que vende.
- Accións que teñen un impacto directo na comunidade local.
- Boas prácticas enfocadas a empregados ou profesionais TIC.
- Casos integrais: accións de RSE transversais á organización.
O luns visitabamos a web rse.xunta.es. Aquí atoparedes a ligazón á guía da que hoxe vos falamos ou podedes resolver calquera dúbida sobre RSE.


