Hoxe achegámonos por primeira vez aos proxectos integrantes da segunda edición de Galicia Open Future. No día do Regreso ao futuro nós viaxamos ao pasado con Phottic, unha plataforma global de fotografía histórica na que as comunidades locais reviven o seu pasado. Falamos con Manuel Pan, CEO do proxecto, para que nos conte que é e que obxectivos teñen.
Brevemente, que é Phottic?
Phottic quere converterse na plataforma online de referencia para o almacenamento, xestión e explotación de fondos fotográficos xeoreferenciados, tanto públicos como privados.
Un coleccionista pode ordenar a súa colección con coordenadas temporais e xeográficas, incluso colocando a imaxe antiga sobre Google Street View e ver como estaba e como está na actualidade ese enfoque desa localización. Pero ademais de recuperar o soporte fotográfico, en Phottic temos outro obxectivo principal que é recuperar as historias que a xente sabe sobre esas imaxes. Por iso, en paralelo á plataforma que ordena as imaxes, hai unha rede social.
Como xorde a idea?
Fai anos en Abertal colaboramos na edición de coleccións de libros de fotografía antiga e vimos que todos eles era proxectos de éxito. Anos máis tarde puxemos en marcha a Blogoteca, un sistema de blogs no que destacaban algúns blogs de fotografía antiga pola súa viralidade e éxito. Decidimos aplicar o coñecemento de Abertal en sistemas de xestión de grandes comunidades de usuarios e coa axuda dos responsables do blog “O Faidao” de Vilagarcía, definimos a Beta de Phottic.com.
Como está a resultar a experiencia de Galicia Open Future? Como vos enterades da existencia da iniciativa e por que decidides participar?
A participación en Open Future ven dada pola nosa decisión de lanzar o proxecto a nivel global no mes de xaneiro, o cal coincide moi ben en prazos coa proposta de apoio e asesoramento para o lanzamento. Ademais a rede de Open Future ofrécenos a posibilidade de coñecer e contactar con outras empresas da súa rede en toda España e no resto do mundo.
Cal é o voso obxectivo? Como imaxinades o proxecto dentro dun ano?
Phottic sae co seu novo sistema e App no mes de xaneiro de 2016, data na que ademais do lanzamento do novo sistema tamén se lanzan novos proxectos Phottic que teñen un alcance internacional. Segundo indica o noso Plan de Negocio, dentro dun ano deberiamos ter 1.500 coleccionistas usando Phottic para ordenar as súas coleccións.

