O pasado mes de abril, a Comisión Europea escolleu o programa Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia como exemplo de boas prácticas para a inclusión social a través das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación). Este recoñecemento pon en relevo a importancia do programa, que será obxecto de estudo para unha posible implementación noutras zonas da Unión Europea.
Os seminarios “Peer Review” ou avaliacións entre pares son unha iniciativa impulsada na Unión Europea para difundir entre os países membro iniciativas e proxectos de interese destacadado sobre determinados ámbitos co gallo de fomentar a aprendizaxe e o intercambio de información a través da avaliación e a análise crítica por parte de expertos nesa materia.
Desta maneira, o Estado membro cuxa iniciativa resultou elixida como exemplo de boas prácticas, organiza un seminario no seu territorio ao que convida a representantes doutros países para amosar o proxecto.
Así, Santiago de Compostela acollerá un seminario para a presentación de Voluntariado Dixital como exemplo de boas prácticas na UE. O seminario levarase a cabo en outono en Santiago de Compostela, onde se acollerá a expertos europeos en políticas de protección social, inclusión social e novas tecnoloxías.
Voluntariado Dixital, a iniciativa posta en marcha pola AMTEGA en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, conta con 220 voluntarios dixitais e 78 entidades colaboradoras que achegan as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía.
Amplía información:

