Hoxe toca afondar nunha web que seguro que vos vai a sorprender: abertos.xunta.es, portal open data da Xunta de Galicia. Que é? É unha iniciativa da Xunta para impulsar a apertura de datos de todos os organismos públicos e promover a súa reutilización, sempre que respetemos as condicións de uso.
Información xeográfica, estatística, meteorolóxica, turística, social, económica, etc., que facilita, por exemplo, a creación de novos servizos e aplicacións por parte de terceiros. Son datos xerados pola propia administración e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade pero que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros ou ben dispersos. O portal Abert@s, é a plataforma de acceso a este catálogo de información pública en formato dixital, debidamente actualizado e de acceso libre.
O catálogo
O primeiro que nos atopamos é unha lista de recursos que podemos ver por data de publicación ou por orde alfabética. Podemos empregar o buscador e localizar a información que nos interesa por título, temas (administración pública, ensino e formación, medio ambiente, etc.), contido (de biblioteca, de trámites e servizos, estatísticas, etc.), formato (calendario, PDF, CSV, etc.), e fonte de datos (Instituto Galego de Estatística, Meteogalicia, Xunta de Galicia, etc.).
Que tipos de datos nos atopamos? Repasamos algunhas das categorías:
- Información medioambiental: meteoroloxía, datos atmosféricos, recursos hídricos, etc.
- Información turística: recursos de interese, aloxamentos, estatísticas de visitantes, etc.
- Información sobre transporte: tráfico de persoas e mercadorías, medios e redes de transporte, etc.
- Información económica, empresarial e de emprego: información financeira, rexistros de empresas, información de industria e comercio, de emprego e formación, etc.
Ideas!
Nesta sección accedemos a unha lista de exemplos de reutilización de datos en forma de aplicacións móbiles e web. En Xente Dixital xa vos falamos de Meteosix, aplicación móbil para consultar a predición meteorolóxica e oceanográfica, e de Servizos no mapa, servizo web que facilita a localización dos equipamentos e servizos da Administración pública.
Pero en abert@os interesan, sobre todo, as túas propostas. Habilitan un formulario para dúbidas e suxerencias, e para que enviedes ideas de aplicacións que reutilicen datos públicos.




Pingback: Repasamos open data - Xente Dixital
Pingback: A web do mes: datos.gob.es - Xente Dixital