Abalar é un proxecto que vai máis alá de dotar de equipamento tecnolóxico aos centros educativos. Na rede, o espazoAbalar é a plataforma que conecta alumnos, familias e profesores. A web conta con preto de dous millóns de visitas dende novembro de 2010, preto dun millón no último ano, e máis de 100.000 nos meses de abril e maio de 2013.
Ademais da web, pronto estará dispoñible a app abalarMobil para Android e iOS, que facilitará a interacción dos pais coa plataforma.
Sabedes que vos permite o espazoAbalar?
- Acceso aos servizos. É o punto de acceso, a canle de comunicación entre as familias, os profesores e os centros. Para acceder a esta sección é necesario identificanrse cun Dni electrónico ou cun certificado dixital. Nesta canle os pais poden poñerse en contacto cos profesores, informarse das notas dos seus fillos, das faltas de asistencia, etc. Hai información de horarios, asignaturas, dos menús do comedor, das rutas dos autobuses escolares, etc, … e incluso é posible o pago telemático das taxas do comedor escolar.
- Contidos orientados. Unha das primeiras seccións que vos vai chamar a atención son os “contidos orientados” aos distintos colectivos: para alumnado e familias, centros e profesorado, e información de prensa relacionada.
- Que está a acontecer agora en Abalar. Espazo para as novas relacionadas co proxecto: novidades, novos servizos, etc.
- Repositorio Abalar. Catálogo de recursos educativos dixitais para estudantes e profesores. Contidos das distintas materias e niveis, en distintos idiomas, a disposición da comunidade educativa. Estamos desexando poñernos a estudialos no seguinte post.
- Blogs Abalar. O uso das TIC no fogar, experiencias dos profesores no uso das TIC, tecnoloxía educativa en Abalar…, son algunhas das temáticas dos blogs. Hai un tema para cada tipo de usuario. Que é Redeiras? Como aproveitar os dispositivos móbiles nas aulas?
- Experiencias. Aulas 2.0. É a sección destinada a compartir todo tipo de experiencias relacionadas coa introdución das TIC nas escolas. Chega con completar un formulario sinxelo. Se non nos credes, esperade ao final da semana.
Por se non fose suficiente, contamos cun buscador, unha nube de etiquetas para acceder a un conxunto de novas dun tema en concreto, e cun acceso aos canais de Facebook, Twitter e Youtube. A través do espazoAbalar tamén se pode chegar ata Redeiras, rede social profesional para a intercomunicación entre profesores que xa conta con máis de 7.500 usuarios rexistrados.

