Seguro que moitos de vós non coñeciades GaliciaLe, o novo servizo en liña da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. GaliciaLe arranca cun catálogo de libros e audiolibros en galego e castelán de 1.710 títulos, 11.100 licenzas e a posibilidade de realizar 277.200 descargas durante as 24 horas do día. En breve, a colección ampliarase con novas obras e licenzas, con álbums ilustrados e cun libro interactivo.
Préstamo dixital gratuíto
A aplicación, desenvolvida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Amtega e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ten como obxectivo incrementar as posibilidades de lectura neste formato poñendo á disposición de todos os galegos unha importante colección de títulos actuais de xeito gratuíto.
Para facer uso do servizo só é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. Pódese tomar en préstamo ata un máximo de dous libros durante un máximo de 21 días. Se a obra está prestada pódese solicitar en reserva. Unha vez realizado o préstamo podemos optar pola lectura en liña ou por descargar o libro en dispositivos compatibles.
A colección de 1.710 títulos está categorizada da seguinte maneira: ficción para público adulto, infantil e xuvenil, ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, saúde, desenvolvemento persoal, ocio, deporte e informática, idiomas, audiolibros, aplicación interactiva e, proximamente, álbum ilustrado.
Convén salientar que GaliciaLe supón diminuir as dificultades para o acceso a este tipo de contidos motivadas pola dispersión xeográfica. Tamén pretende estender a lectura a novos sectores sociais que non son usuarios habituais dos servizos presenciais das bibliotecas públicas.



Pingback: Ponse en marcha libraria.xunta.gal - Xente Dixital
No soy capaz de acceder a la página para solicitar un libro
No te funciona este enlace? http://www.galiciale.gal/
Feliz semana 🙂