Hoxe presentámosche un cara a cara entre dúas das aplicacións de mensaxería máis empregadas do mundo. Son similares, pero agochan sutís diferenzas que che poden axudar a escoller unha ou outra.
Marcar mensaxes como favorito
Nesta funcionalidade gaña whatsapp. Ao contrario do que Telegram, whatsapp si permite marcar unha mensaxe como favorita e consultala sen ter que navegar todo o histórico de mensaxes nun determinado grupo ou contacto.
Estado personalizado
WhatsApp permite a creación de estados personalizados para poder indicar se estamos dispoñibles, ocupados, se podemos falar, se temos o móbil en silencio… aínda que moitos usuarios non o saben e permanecen co estándar “Hey there I’m using WhatsApp” (algo así como “ei, estou empregando WhatsApp”.
Envíos de calquera tipo de arquivo
Whatsapp permite enviar vídeos, fotos e, agora, arquivos PDF. Telegram pode enviar calquera tipo de arquivo. Punto para a aplicación azul!
Soporte para gifs animados
Telegram é o rei dos arquivos adxuntos. Permite enviar calquera tipo de arquivo e, ademais, da soporte para ver gifs animados, moi de moda na actualidade. WhatsApp ven de engadir a posibilidade de enviar arquivos de Word e pdf, pero máis aló de imaxes ou vídeos, non hai outra opción.
Uso multidispositivo e multiplataforma
WhatsApp ten versión de navegador, pero sempre que teñamos o teléfono conectado á Internet. Con Telegram, a aplicación para móbil, tablet ou ordenador é independente, así que neste punto sae victoriosa esta última.
Chats secretos
As opcións de privacidade están máis atendidas en Telegram, aínda que Whatsapp ven de incorporar as conexións cifradas á súa plataforma. Telegram permite crear chats privados que se poden borrar.
Grupos con maior número de usuarios
Xestinar grupos de ata 1000 persoas pode ser complexo, pero Telegram permite facelo. WhatsApp permite grupos de ata 256 persoas (que tampouco está tan mal!).
Comunidade de usuarios
Deixamos para o final a característica máis importante. Aínda que ámbalas dúas redes teñen millóns de usuarios en todo o mundo, en España o rei é WhatsApp. Ata 15 millóns de usuarios en España empregan esta aplicación.
Dicimos que é a característica máis importante porque, a fin de contas, o que buscas con estas aplicacións é comunicarte coa túa rede de contactos, e o fundamental é que ti e a persoa coa que queres falar… teñades instalada a aplicación.
E ti, con cal te quedas?



Pingback: Guía práctica | Envía cousas dende o teléfono ao ordenador - Xente Dixital