É importante fomentar o interese dos nenos pola informática, incluso máis aló dos propios trebellos e do seu uso. Por iso, cada vez existen máis opcións para achegar o mundo da programación aos máis cativos. Hoxe, en Xente Dixital, amosamos algúns xoguetes que poden cumprir esa función.
Think & Learn Code-a-Pillar, a eiruga
Este xoguete ten oito módulos independentes e intercambiables que poden programarse para xirar, soar e desprazarse en varios sentidos.
Non se programa con código, pero a lóxica que se emprega para obter un movemento global é parecida, polo que se ensina a pensar de forma secuencial, polo que resultará útil para que os máis cativos comecen a entender o sentido da lóxica.
Estará á venda no segundo semestre do ano a un prezo aproximado de 50$
BB-8, o minirobot de Star Wars
Se viches a última película da saga de Star Wars seguro que coñeces este robot. BB-8 ten un corpo de balón e cabeza flotante, controis de movemento vía smartphone, respostas a comandos de voz, vídeos holográficos… un conxunto de características que cautivan aos pequenos e pequenas da casa… pero tamén aos máis maiores que son seareiros da saga de películas.
Vortex
Este robot está deseñado especificamente para nenos, con diferentes funcións que, ben seguro, atraerán a súa atención: que funcione como pelota de golf, que se desprace ante a presenza de diferentes obstáculos, que siga traxectorias predefinidas… incluso se pode empregar con aplicacións de realidade aumentada deseñadas para tabletas ou móbiles.
A programación é ben sinxela, a través dunha aplicación móbil onde os comandos e accións se executan a través de “arrastrar e soltar” na configuración das instrucións.
Está dispoñible a partir de 69$
Como vedes, aprender a programar non é cousa so de maiores, nin dun selecto grupo de persoas. Se tes algún cativo ou cativa na casa, ou se cres que ten encaixe algunha destas opcións para algún coñecido… aquí tes uns excelentes regalos de aniversario, por exemplo 😉
Fonte: wwwhatsnew

