
Cando falamos dun exo-esqueleto seguro que nos vén á cabeza imaxes como a de Iron Man, con máquinas que nos protexen e que funcionan co noso propio movemento. Aínda que estamos lonxe de coseguir ser Tony Stark, aos poucos vaise conseguindo avanzar no mercado das próteses mecánicas. E o caso de hoxe é un claro exemplo diso: un brazo mecánico por menos de 100 dólares.
Este brazo mecánico está a ser desenvolvido por dous mozos eslovenos e baixo o nome de ExoArm escóndese unha idea moi interesante: crear unha prótese mecánica de baixo custo. Segundo eles, este brazo custaría pouco máis de 100 dólares, e permitiría levantar uns 10 quilos á persoa que o use, permitindo así á persoa que o utilice, realizar cargas de peso que antes non podía.
No mercado actual, este tipo de mecanismos teñen prezos de 5 e 6 cifras normalmente polo que como conseguen estes mozos un prezo tan axustado? Polos compoñentes que utilizan. Entre eles hai placas de aluminio, un Arduino Uno / Nano (un sistema moi barato de computación), un motor de limpiaparabrisas de coche, un sensor muscular e unha batería de 550 mAh.
O proxecto está aínda en desenvolvemento e, como podemos ver no vídeo, por agora só é capaz de moverse cara abaixo, pero os mozos eslovenos esperan que engadindo un novo sensor, o brazo poida axudar a persoas maiores e a xente que o necesita a levantar diferentes tipos de pesos. O mellor de todo é que o deseño vai estar a disposición de todo o mundo, polo que calquera desde a súa casa pode reunir os materiais e, cos coñecementos adecuados, facerse un ExArm propio.

