
O mundo actual vai camiño de ser totalmente dixital. Por esta razón, é necesario comezar a familiarizarse coas tecnoloxías canto antes. O Proxecto Abalar é unha iniciativa da Xunta de Galicia , e no curso de 2017-2018 chegará a máis de 10.000 alumnos de toda Galicia grazas a novos dispositivos e conexións.
A semana pasada o Consello Do Goberno galego aprobou un acordo macro marco que permitirá adquirir ata un máximo de 22.000 equipos portátiles nos próximos 2 anos. Estes novos dispositivos estarán destinados aos alumnos e profesores de centros integrados en eDixgal. Esta iniciativa que se enmarca dentro do Proxecto Abalar, ofrece contidos curriculares dixitais para alumnos entre 5º de primaria e 2º de secundaria. A isto engadiráselle a mellora da conectividade dos centros, os cales terán conexión a internet cun mínimo de 100Mpbs no próximo ano, completando o 100% dos centros educativos públicos de primaria e secundaria.
Ademais dos novos dispositivos e as melloras na conectividade, os centros integrados en eDixgal gozarán tamén a incorporación de novos provedores de contidos dixitais, os cales complementarán os xa existentes de Netex e EDEBÉ. E como colofón, se prevee a creación dunha factoría galega de contidos educativos dixitais, na que as diferentes empresas TIC e audiovisuais galegas poderán poñer a disposición dos docentes servizos innovadores cos que crear todo tipo de contidos dixitais.
Como complemento a estas novidades, dentro do Proxecto Abalar comezaranse a implantar medidas para o desenvolvemento dun plan continuo de capacitación dixital para familias e docentes, facilitando desta maneira a adaptación de persoas non nadas no mundo dixital, achegando axuda e comprensión tanto desde o punto de vista tecnolóxico como o metodolóxico.
Este novo plan supoñerá un investimento dun total de 27 millóns de euros no curso 2017-2018, consolidando a educación integral dixital en todo o territorio galego.

