Se buscades ben e lle botades unhas poucas de ganas, a rede ofrécenos moitas opcións para formarnos en novas tecnoloxías de maneira gratuíta ou por un prezo asequible. Hoxe traémosvos 2 páxinas webs que vos van sorprender.
Video2brain
700 cursos e 30.000 vídeos para formarvos en imaxe dixital e fotografía, negocios, web, vídeo e audio, deseño e ilustración, programación…
En fotografía podedes acceder a cursos sobre Adobe Photoshop, Lightroom ou Bridge, algúns dos programas máis populares para edición de foto. E a unha lista interminable de cursos especializados de retoque e restauración, composición, creación de timelapse, trucos e técnicas cos distintos programas…
Na sección de negocios atoparedes cursos sobre os programas de Microsoft Office (Excel, Word, Power Point, etc.), sobre Google Adwords… video2brain pon á nosa disposición unha completísima lista de cursos de ferramentas e habilidades para a empresa: como deseñar unha presentación, control e reducción de custos, como xestionar equipos de traballo, etc.
Pero tamén tedes cursos de deseño e desenvolvemento web nos que aprender todo o que necesitades saber sobre WordPress, HTML 5, JavaScript ou Dreamweaver. Ou de vídeo e audio cos que aprenderedes a usar Adobe Premiere Pro, After Effects, Final Cut Pro ou Adobe Audition.
Consultade as distintas posibilidades que nos ofrecen para suscribirnos. Podedes pagar un curso que vos interese ou unha subscrición para acceder a todos os que queirades durante o ano. Paga a pena o investimento.
Actívate con Google
Coñeciades a iniciativa “Actívate con Google”? Podedes apuntarvos a cursos online ou presenciais gratuítos. Os temas son: marketing dixital –para axudarvos na búsca de emprego ou para comezar co voso propio negocio–, desenvolvemento de apps, comercio electrónico, cloud computing, emprendemento e productividade propia –ferramentas e procesos que vos axudarán a ser máis productivos para buscar traballo ou desenvolver un proxecto– e desenvolvemento web.
Coñeciades estas webs? Algunha que nos recomendedes para formarnos en novas tecnoloxías?



