Se sodes máis dos Reis que de Papá Noel, aínda estades a tempo de agasallar a algún amigo ou familiar con algún gadget orixinal e económico.
Disparador de fotos para smartphones
2014 foi o ano dos selfies. Pero estirar o brazo e sacar unha foto de grupo perfecta non é doado. Por menos de 20€ podedes mercar este disparador con soporte incluído. Actívase dende unha distancia de ata 3 metros e podedes seleccionar se queredes usar a cámara dianteira ou traseira. Para utilizalo só tedes que descargar unha app gratuíta e dispoñible para iOS e Android.
Cargador portátil
Non é a primeira vez que vos falamos deste dispositivo. Por 25€ xa non teredes que volver a preocuparvos por quedar sen batería no móbil ou na tablet. Só tedes que cargalo previamente conectándoo á rede eléctrica ou ao ordenador, e é compatible con calquera smartphone ou tableta.
Bolígrafo para imprimir en 3D
Ademais dos selfies seguro que este ano escoitastes falar das impresoras 3D. Tirar proveito delas é cuestión de imaxinación…, e de cartos. Neste caso, por menos de 100 € podedes conseguir este bolígrafo 3D co que facer multitude de debuxos e formas en 3 dimensións. Para ir sobre seguro empregade unha plantilla, ou atrevédevos a debuxar algo a man alzada.
Pulseira para estar en forma
Hai pouco que vos contabamos que o regalo estrela para este Nadal serían os smartwatches. Dispositivos caros, que dependen do teléfono móbil e que, sobre todo, teñen a vantaxe de acceder máis facilmente a aplicacións que usamos cando facemos deporte. Para iso chega con esta pulseira que monitoriza os nosos pasos, a distancia recorrida e as calorías queimadas durante as 24 horas do día. E todo por algo menos de 100 €.




