Preguntarédesvos de que estamos a falar. A finais de febreiro, no foro #Dixital4EU en Bruxelas, a Comisión Europea presentou o DESI (Digital Economy and Society Index) ou Índice Dixital, indicador que verifica o grao de inmersión de cada un dos 28 territorios socios da Unión na comunidade dixital.
Resume indicadores relevantes do rendemento dixital de Europa e un seguemento da evolución dos estados membros da UE na competitividade dixital. Inclúe 5 dimensións principais:
- Conectividade: despregamento de infraestruturas de banda larga e a súa calidade. O acceso aos servizos de banda larga é unha condición necesaria para a competitividade.
- Capital humano: habilidades necesarias para aproveitar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. Habilidades básicas que nos permiten interactuar en liña ou avanzadas, que permiten aos traballadores aproveitar a tecnoloxía para mellorar a produtividade.
- Uso de internet: consumo de contidos en liña, compras en liña, interactuar con familiares, amigos ou compañeiros de traballo a través de internet, etc.
- Integración da tecnoloxía dixital: dixitalización das empresas e explotación da canle de vendas online. Internet permite mellorar a eficiencia, reducir os custos, atraer clientes ou colaboradores e acceso a mercados máis amplos.
- Servizos públicos dixitais: dixitalización dos servizos públicos. Céntranse na Administración electrónica e na saúde en liña.
O DESI 2015 resume os datos recollidos durante o 2014 e mostra tanto datos da Unión Europea no seu conxunto, como de cada un dos distintos países; o mércores atenderemos aos datos relacionados con España. Xa vos adiantamos que a mellor puntuación correponde a Dinamarca (0.68) e que España está 4 postos por enriba da media da UE.
A Unión Europea compórtase mellor en conectividade (mellorouse na adopción da banda larga móbil e da banda larga rápida) e capital humano e necesita mellorar no uso de internet por parte dos cidadáns e, sobre todo, por parte das empresas.
Fonte: Osimga.



