Temos asumido que vivimos tempos de grandes avances tecnolóxicos. Asumimos como normal o uso de tecnoloxías que, ata hai ben pouco, eran impensables ou inasumibles para o grande público. Lembras como era a situación dos teléfonos móbiles hai 20 anos? Pois o mesmo co resto da tecnoloxía.
Confiamos cada día máis nas novas tecnoloxías para os usos cotiás, tanto persoais como profesionais, pero a medida que avanzan as tecnoloxías, tamén medra a necesidade de contar con sistemas de seguridade na rede que garantan a nosa privacidade, identidade e seguridade, de xeito que a experiencia de conectarse a través dun ordenador de sobremesa, portátil ou dispositivo móbil sexa sempre unha experiencia satisfactoria.
Seguridade informática no fogar.
A Administración Pública, no seu deber para cos cidadáns, debe procurar o mellor para eles. E en materia de informática, os máis pequenos – e os seus pais – non son menos importantes! É por iso polo que existen iniciativas como a que xa vos presentamos neste espazo, “Navega on Rumbo”, un programa que inclúe unha serie de guías dirixidas ao alumnado, ao profesorado e ás nais e pais e un programa de visitas aos centros escolares onde colexiad@s do CPEIG expoñen aquelas recomendacións e consellos necesarios para navegar con rumbo polo ciberespazo.
Formación en seguridade informática
A Amtega, a través da súa rede de Aulas CEMIT ofrece por toda Galicia cursos para os usuarios nos que a seguridade informática é a temática central. Son cursos nos que o obxectivo é a identificación de virus informáticos, ou seus tipos e o que é máis importante, as accións que debemos levar a cabo para combatelos e as aplicacións dispoñibles para protexernos deles nos nosos ordenadores. Bótalle un ollo á programación das aulas CeMIT para facer algún curso que che interese.
Doutra banda, outros organismos da Xunta tamén complementan esta formación en seguridade informática. Así, a Dirección Xeral de Xuventude organizou obradoiros sobre seguridade na rede dirixidos a mozos e a seus pais, en colaboración coa Garda Civil.
Amplía información
- Plan Director de Seguridade da Información (resumo executivo)
- Aulas Cemit
- Consellos sobre seguridade


Moi boas!
Creo que o link asociado a “Consellos de seguridade” está equivocado.
Saúdos!