A finais de xuño contabámosvos que a Amtega, en colaboración coa Dirección Xeral de Administracion Local, actualizaron o portal Eidolocal que mellorou e incrementou os servizos para as entidades locais e os usuarios. Hoxe facemos un percorrido polos servizos que nos ofrece. Acompañádesnos?
Ademais das novas e dos eventos que se publican na portada, o primeiro elemento do menú é Eidolocal. Aquí explícannos en que consiste o programa, cal é a súa finalidade, que liñas de actuación e servizos existen ou cales son as entidades promotoras.
Na Guía local podedes, en primeiro lugar, buscar entidades; por nome, tipo de entidade (concello, consorcio, deputación, mancomunidade, etc.) e provincia. Tamén se pode buscar información e servizos; información xeral, de servizos ou ofertas de emprego que podedes filtrar por tipo de entidade, localización, partido político, etc. Por último, o portal pon á vosa disposición un mapa para facilitar a localización dos equipamentos e servizos existentes nos entes locais (culturais, educativos, sanitarios, etc.).
Na Biblioteca atoparedes un repositiorio de contidos con documentación de interese no ámbito local. A información está clasificada por: contido recomendado, novidades, o máis valorado e o máis visitado.
Na pestana de Servizos pódese ácceder a servizos recomendados como a Rede SARA, servizos de certificación, á plataforma de licitación electrónica da administración local de Galicia (LeAL) ou ao tradutor automático GAIO. Ou movernos polo mapa de servizos de comunicación, sistemas informáticos, servizos de uso común ou básicos de eAdministración, interoperabilidade e soporte técnico e asesoramento.
Por último, Iniciativas é un espazo para a comunicación, divulgación e promoción dos diferentes proxectos impulsados pola Xunta cara as administracións locais. Atoparedes información do Plan eConcellos ou do Proxecto Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal.



