Co verán recén estreado descargamos e instalamos MeteoRoute, aplicación que forma parte do catálogo de apps da Xunta. Permite consultar a predición meteorolóxica e oceanográfica para rutas e viaxes, tanto por terra como por mar.
A aplicación permite consultar a predición para unha ruta: estado do ceo, temperatura, precipitación, vento, humidade relativa, presión atmosférica, cota de neve, temperatura e salinidade da auga, e altura, dirección e período de onda.
Podemos crear rutas para os itinerarios máis habituais e calcular o tempo para un desprazamento en coche, bicicleta ou a pé indicando un punto de orixe e outro de destino. Tamén é posible seleccionar os puntos da ruta manualmente sobre o mapa e debuxar rutas en barco. A app permite importar arquivos KML co que se pode consultar a predición meteorolóxica para rutas xa creadas.
Por último, a cobertura actual comprende o suroeste de Europa, aínda que a zona de predición con maior precisión é o noroeste da Península Ibérica. Se queremos consultar unha predición máis detallada, podemos enlazar coa aplicación MeteoSIX.
Descarga MeteoRoute da Google Play.
Descarga MeteoRoute da Apple Store.


