A chuvia das Perseidas é un acontecemento anual que nos obriga a prestar atención ao que acontece no ceo. A propósito deste acontecemento, propoñémosche varias aplicacións para que poidas identificar estrelas dende o teu smartphone.
Star Walk 2

Comezamos coa aplicación máis completa e unha das máis sinxelas de empregar. É a versión actualizada de Star Walk, que xa é unha garantía de éxito.
Entre as súas funcionalidades máis destacadas atopamos:
- Posicións das constelacións con modelos en 3D.
- Realidade aumentada a través da cámara do iPhone, permitindo localizar facilmente as estrelas aínda que sexa de día (ben sexa porque hai nubes, ben sexa porque queremos probar a app dentro da casa)
- Unha “máquina do tempo” que simula a posición das constelacións segundo a data e hora que introduzamos.
- Filtros de diferentes tipos de raios, como os X, gamma e infravermellos.
Esta aplicación é de pago tanto para Android como para iOs
Sky Map

Sky Map é a aplicación definitiva para matar a curiosidade por coñecer os nomes das estrelas, planetas e outros corpos visibles dende o ceo nocturno. Está dispoñible só para Android de balde na Play Store e permite ubicar en tempo real as estrelas, planetas e constelacións ás que apuntemos co noso smartphone.
Se tes interese en saber onde está un obxecto en concreto, tamén podes empregar o buscador. A aplicación sinalará onde está no mapa, e só terás que mover o teu teléfono ata que apareza na pantalla.
Incluso de día! De feito, sinala onde se atoparían as constelacións de día… por iso se empregas a aplicación a plena luz do sol podes ver o astro rei na pantalla.
SkyView

Con esta aplicación podes empregar a cámara do teu teléfono para orientalo cara o ceo, e grazas ás capacidades de ubicación e a xeolocalización de teu teléfono poderá coñecer a túa ubicación exacta e o ángulo ao que apuntas no ceo. Así, poderás ver información de cometas e estrelas na pantalla.
Outra das súas funcionalidades máis interesantes é atopar a información relativa a cometas e outros obxectos coñecidos no firmamento, como pode ser a Estación Espacial Internacional.
A aplicación é gratuíta e está dispoñible para iPhone e Android, aínda que ten unha versión premium con melloras de pago.
Night Sky Lite

Como última recomendación, unha app para “viaxeiros”. Con Night Sky Lite podes saber como é o ceo en diferentes cidades. Se che gusta ver as estrelas e queres saber como se verán no teu destino vacacional, velaquí a solución.
Ten unha versión gratis pata Android e de pago para iOs (3,99€).

