
Un día máis continuamos presentándovos as aplicacións móbiles que a Xunta de Galicia pon á nosa disposición. Se na anterior entrega falabamos da aplicación DOG, hoxe cambiamos totalmente de rexistro para ir ao sector da educación coa aplicación abalarMóbil.
Que é abalarMóbil?
abalarMóbil é unha aplicación destinada ás familias que permite consultar de maneira sinxela e rápida todo tipo de información dos seus fillos ou tutorizados a través do teléfono móbil. Esta aplicación está dentro do Proxecto Abalar, un compromiso da Xunta de Galicia onde se integran as novas tecnoloxías coas prácticas educativas.
Para que serve abalarMóbil?
abalarMóbil é unha aplicación que se pode instalar en dispositivos iOS e Android e dános todo tipo de información achega do alumno que teñamos ao noso cargo. Está dispoñible para todos os matriculados en educación infantil, primaria, bacharelato e ciclos formativos. Nestes últimos, se o alumno é maior de idade, tamén permite que el mesmo consulte os seus datos.
A través da aplicación abalarMóbil pódese:
- Acceder a datos persoais
- Consultar cualificacións
- Consultar faltas de asistencia
- Solicitar titorías
- Consultar os datos do centro educativo
- Recibir notificacións por parte do profesorado ou o centro
- Consultar incidencias creadas polos profesores
Grazas á súa interface sinxela e adaptada aos dispositivos móbiles, con abalarMóbil calquera pode consultar a actividade do seu fillo sen maiores problemas. Pódese descargar nesta ligazón para Android e nesta para iOS.

