Traballar dende a casa ou dende un espazo de coworking, como autónomo ou para unha empresa, é cada vez máis común. Existen dispositivos e aplicacións que nos facilitan o traballo. Que engadiriades á lista?
3 apps fundamentais
Trello
Ferramenta sinxela e gratuíta para a xestión de proxectos. Podemos asignar tarefas a distintos colaboradores, adxuntar arquivos, acceder a un calendario de traballo, etc. Ademais do servizo web, podemos descargar a app para dispositivos Android e iOS.
Google Drive
Xa vos falamos de Google Drive e Dropbox cando compartimos a lista de apps educativas obrigatorias. Google Drive é útil para compartir documentos de texto, presentacións, táboas de datos, etc. Permite que varios membros dun equipo traballen sobre un mesmo documento.
Dropbox
É un dos servizos web máis populares para compartir documentos, fotos, vídeos, etc. Podemos descargar a aplicación no ordenador para que cando gardemos algún arquivo na nosa dropbox se suba directamente á nube. Ou ao noso móbil Android ou iOS para acceder aos nosos documentos dende onde queiramos.
Cuestión de aplicacións…, e dispositivos
Ademais das apps un teletraballador conta con algúns dispositivos ou gadgets útiles para o desenvolvemento do seu traballo. Seguro que moitos de vós traballades con portátil; probastes a traballar conectándoo a un monitor? Non teñen un custo moi elevado e facilitan moito o traballo.
Podemos completar a lista con dispositivos como os expansores USB para conectar ao ordenador un disco duro ou unha cámara de fotos, ventiladores para prolongar a vida do portátil ou os SAI, sistemas de alimentación ininterrumpida; se non traballamos con ordenador portátil agradeceremos contar cun SAI que protexa o equipo de picos de tensión ou que o manteña acendido se hai un corte de luz.



