A punto de volver á escola, en Xente Dixital reflexionamos sobre os efectos da tecnoloxía na aprendizaxe. A rutina dun estudante está salpicada de dispositivos tecnolóxicos; a pregunta é que proveito lles saca nas horas de clase e estudo. O traballo dun profesor hoxe é ensinar a aprender nun entorno marcado polas TIC.
As compañías CoursSmart e Wakefield Research fixeron un seguemento a máis de 500 estudantes nos Estados Unidos e chegaron a algunhas conclusións interesantes:
- O 67% dos estudantes non pode pasar máis dunha hora sen usar algún tipo de tecnoloxía dixital. Un 40% non chega aos 10 minutos.
- Só o 5% considera que os libros de texto son a ferramenta de estudo máis importante.
- O 79% asegura que fixo unha búsqueda rápida nun móbil ou nunha tablet antes dun exame.
- O 68% aforra máis de dúas horas diarias grazas á tecnoloxía.
- Máis da metade, o 58%, fixo algún curso online porque se axustan ao horario de cada un.
- Tamén está a cambiar a comunicación entre profesores e alumnos. O 78% recibe información a través dos campus online, e incluso a un 18% envíanlles material da asignatura vía Facebook.
Pola súa banda, a Universidade de Salamanca participa nun proxecto europeo que analiza a adaptación das universidades aos novos modelos educativos, marcados polo uso das novas tecnoloxías. Enfróntanse a realidades como que Internet provoca que un alumno poida consultar e contrastar información sobre o tema que o profesor está expoñendo nese momento; gracias á rede e a dispositivos como móbiles ou tablets, a participación do alumno na clase é cada vez maior.
A tecnoloxía impón ademais novas formas de organización. O tempo dun profesor vai moito máis alá das horas de clase. Os campus virtuais, por exemplo, ofrecen titorías, foros, debates… Coma nas clases, os estudantes fan un uso cada vez maior das ferramentas tecnolóxicas á súa disposición, e os profesores invirten cada vez máis horas no seu traballo.
Cos ordenadores, tablets e móbiles acendidos, coas escolas, universidades, profesores e alumnos tecnoloxicamente concienciados, como imaxinades a clase do futuro?

