Esta semana volvemos a consultar o calendario de actividades da Rede CeMIT e do Centro Demostrador TIC para que poidades incluír no voso calendario os cursos que máis vos interesen. Nas aulas CeMIT nas próximas semanas poderedes formarvos en redes sociais, seguridade na rede ou marca persoal, entre outras temáticas.
Para usuarios dun nivel básico, a CeMIT propón, por exemplo, un curso para utilizar o ordenador de forma segura. O obxectivo é a capacitación na xestión dos riscos relacionados coa navegación por internet. Celebrarase na aula CeMIT de Boborás a partir deste venres 24 de outubro. Na aula CeMIT de Vilar de Santos, celebrarase entre o 28 e o 30 de outubro un curso destinado a persoas con escaso coñecemento no correo electrónico.
Para a xestión do voso negocio pode axudarvos a actividade copias de seguridade na nube, á que podedes asistir en Ourense os días 27 e 28 de outubro. En Castrelo de Miño, entre o 27 e o 31 de outubro, botaranvos unha man para coñecer o funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia. Moitos dos procedementos destinados a empresas xa se poden resolver online.
Ademais, tedes varias oportunidades de mellorar a vosa marca persoal (actividade que forma parte do programa Faite Dixit@l), de aprender a buscar emprego na rede e de mellorar en edición e montaxe de vídeo.
Accedede ao calendario completo de cursos aquí. Lembrade que a través da web da Rede CeMIT ou na aula CeMIT máis cercana podedes informarvos dos cursos, inscrivirbos ou suxerir temas para cursos que coincidan coas vosas necesidades.


