A principios de outubro aprobábase o Plan de Banda Larga 2020 para que os galegos teñamos acceso equitativo a redes ultrarrápidas de telecomunicacións, capaces de proporcionar servizos de entre 30 e 100 megas.
A banda larga en outubro do 2015
Hoxe case todos os galegos, dos servizos públicos e os parques empresariais, contan con acceso a internet de polo menos 2 megas a través de redes fixas, sen fíos ou vía satélite. Así mesmo, o 50% da poboación ten acceso a redes de ata 200 megas.
Nos últimos anos reforzáronse e ampliáronse as infraestruturas do operador público Retegal, fundamental para implementar e axilizar os novos despregamentos. Conseguimos un incremento dun 51% dos fogares galegos con conexión e que o 70% dispoñan deste servizo (46% no 2010). Dende o 2010 reduciuse a fenda en contratación de internet en máis de 8 puntos ca media estatal. Todos os núcleos de máis de 10.000 habitantes superan a media galega en contratación de internet e nos de máis de 50.000 supérase a media estatal.
Os seguintes pasos
O obxectivo é dar cobertura de banda larga de cando menos 30 megas para case toda a poboación e servizos de máis de 100 para os núcleos de máis de 500 habitantes. Como o conseguimos?
A Xunta investirá 100 millóns en 5 anos en tres itinerarios de actuación: promover o acceso á banda larga de alta velocidade para todos os galegos, garantir un entorno favorable para axilizar a extensión de infraestruturas e favorecer a demanda de servizos de banda larga.
En canto ao primeiro itinerario, a principios do ano que vén abrirase a primeira convocatoria pública para incentivar os despregamentos de redes de 100 megas. Por outra banda, o plan dotará de redes ultrarrápidas ao 55% dos polígonos e parques empresariais.
Para garantir un entorno no que desenvolver as infraestruturas necesarias, prevese a definición dun modelo de ordenanza municipal de telecomunicacións que promova a homoxeneidade e simplificación dos trámites necesarios nos despregamentos, a elaboración dunha serie de recomendacións para incluír estas infraestruturas nos instrumentos de planeamento urbanístico e a colaboración co resto de administracións para a identificación centralizada de infraestruturas útiles.
Por último, a Xunta prevé estimular a demanda de servizos de banda larga para incrementar o número de usuarios conectados. Seguiranse a impartir cursos de capacitación dixital a cidadáns e empresas e desenvolveranse actuacións de sensibilización e difusión sobre a utilidade destes servizos.


