O ONTSI (Observatorio Nacional de las Telecomunicaciones y de la Sociedad de la Información) presentaba en setembro un dossier cos principais indicadores de administración electrónica e educación en España, por comunidades autónomas.
Se nos fixamos en Galicia chama a atención que, mentres en España o 95,3% de centros educativos dispón de banda larga, en Galicia a cifra é do 99,6%. En canto aos centros privados, en España e Galicia as cifras son similares. Nos públicos, os centros galegos superan á media estatal en 6,8 puntos.
En canto aos datos de alumnos por ordenador, os datos de Galicia volven mellorar á media estatal: 2,5 alumnos por ordenador en equipos destinados a tarefas de ensino e aprendizaxe (3 en España) e 2,8 en equipos destinados á docencia (3,6 en España).
Por último, o informe tamén nos dá datos da velocidade de conexión. En Galicia o 16,5% dos centros conta con liñas con velocidades de máis de 20 Mbits (a media estatal é do 12%). Melloramos a media estatal nos centros públicos de primaria, secundaria e FP. O dato da media estatal só é mellor nos centros privados. Deixámosvos a táboa completa.



