Non é a primeira vez que buscamos ideas para as vacacións en blogs de viaxes galegos. Desta volta, ocorréusenos visitar aos 3 blogs finalistas na categoría “Mellor Blog Turístico” do último Festival Social Media de Galicia.
Galiciaenteira.com
En Galiciaenteira.com podedes acceder a contido de vídeo de rutas –de A Guarda a Nigrán, de Malpica a Ponteceso, de Meira a Ribadeo–, a vídeos relacionados coa nosa tradición ou coñecer distintos lugares de Galicia da man de Roi Casal, Miguel Anxo Fernández ou María do Ceo en Galicia con. Por último, na sección Déjame que te cuente, dannos información relevante sobre distintos puntos de interese da nosa Comunidade.
Chavetas
En Xente Dixital non é a primeira vez que vos falamos de Chavetas, gañador na categoría “Mellor Blog Turístico” dos MexilOnseTuits 2014. Aquí podemos coller ideas para grandes viaxes á Riviera Maya, Perú ou Cuba. De escapadas a Madeira, Estambul, Dublin, Roma… Ou se non queremos ir moi lonxe tamén teñen suxerencias como unha escapada de dous días polas Rías Baixas ou unha ruta pola Costa da Morte.
Abalar Galicia
Neste blog atoparedes moito contido de calidade relacionado co sector turístico. Podedes achegarvos ao Camiño de Santiago por un camiño diferente, descubrir a Ruta dos Barcos ou aprender máis sobre a peregrinación milenaria a San Andrés de Teixido. En Abalar Galicia atoparedes información sobre gastronomía, aloxamentos, rutas…, e información para profesionais do sector.




