O obxectivo para esta semana é sacarlle proveito a ordenadores, tablets ou ebooks, na escola e nas horas de estudo. Son ferramentas que, ben empregadas, inciden positivamente na aprendizaxe. Estudar non significa apagar o ordenador senón abrir o programa, aplicación ou páxina web adecuados.
O ordenador é unha ferramenta moi útil para estudar. Parece obvio pero o primeiro é separar tempo de ocio e de traballo. Existen aplicacións que, por exemplo, permiten asignar un tempo á resolución dunha tarefa. Ordenador máis Internet é igual a acceder a unha gran cantidade de información en cuestión de segundos; permítenos investigar, contrastar, aprender e compartir.
Antes de mercar un convén preguntarse que necesitamos. Non está de máis lembrar que hoxe, a maioría de modelos, por baratos que sexan, responden ás necesidades máis importantes de calquera estudante. Seguide léndonos porque pronto, ademais de botarvos unha man co ordenador, instalaremos algunhas aplicacións interesantes para o portátil, o móbil ou a tablet. Vannos axudar na xestión do tempo de estudo e a almacenar e compartir información, entre outras vantaxes.
Máis alá do imprescindible ordenador, engadir outro gadget como unha tablet ou un ebook leva consigo beneficios importantes. A cuestión é, cal escoller? Aínda que as fronteiras entre ambos son cada vez máis difusas, podemos repasar as características máis importantes de cada un deles antes de tomar a decisión de compra.
Ebook:
- Tinta electrónica. Probastes a ler nun libro electrónico? Non ten nada que ver con facelo nunha tablet ou nun ordenador. É un factor a ter moi en conta se imos pasar moito tempo consultando libros, documentos, artigos, etc. Se necesitamos apoiarnos en información de vídeo ou audio, seguramente non necesitemos un ebook.
- Peso. Adoita ser menor que o das tablets. Como é máis que probable que sigan existindo as mochilas cheas de libros de texto e libretas, é importante telo en conta.
- Prezo. Unha tablet permite facer máis cousas que moitas veces non necesitamos. Un ebook é sensiblemente máis barato, ademais da ferramenta idónea para ler e estudar, buscar información complementaria na rede, etc.
Tablet:
- Opcións. E máis opcións. Procesamento de textos, almacenamento de información, búsqueda de información na rede, organización do tempo… Todo en forma dunha chea de aplicacións descargadas á medida de cada un.
- Multimedia. É unha das diferencias máis importantes respecto ao libro electrónico. Son dispositivos pensados para o consumo de información multimedia destinada a entreternos ou ensinarnos.
Xa temos os dispositivos que mellor se adaptan ás nosas necesidades pero, como lles sacamos partido?

