Lembrades cando nos preocupabamos por se perdiamos o móbil porque significaba perder a nosa axenda de contactos? A axenda clásica está a mudarse á lista de contactos do correo electrónico e, cada vez máis, cambiamos chamadas por servizos gratuítos de videochamadas como Skype ou os hangout de Google +, ou por apps como Viber ou Line que nos permiten falar con amigos ou compañeiros de traballo sen consumir un minuto da nosa tarifa.
Skype
É o servizo electrónico máis popular para facer videoconferencias; ten máis de 300 millóns de usuarios en todo o mundo. Ademais das videochamadas conta cun servizo de mensaxería instantánea, permite o envío de arquivos, gravar as chamadas e incluso chamar a teléfonos móbiles ou fixos. É un servizo gratuíto aínda que se queremos falar con varias persoas a un tempo ou chamar a un fixo ou un móbil teremos que pagar.
Tamén podemos atopar Skype en forma de app nos móbiles (e tablets) Android, iOS e Blackberry.
Google Hangout
Xa vimos que é un dos elementos principais de Google +. Podemos manter conversas privadas ou públicas con ata 10 contactos a un tempo, de maneira gratuíta. Tamén nos permite compartir arquivos cos nosos contactos. Ademais intégrase perfectamente con Gmail e Youtube (podemos compartir unha videochamada directamente). Podemos iniciar un Hangout dende o noso iPhone ou iPad ou dispositivo Android.
Viber
Revolucionou o mercado da telefonía móbil cando tiñamos que contar os minutos que falabamos por teléfono para non atoparnos con sorpresas na factura; permitía chamar de forma gratuíta a calquera que tivera a app instalada. En canto a instaledes saberedes que contactos da vosa axenda instalaron Viber. O único requisito: chamar en zonas de boa cobertura ou conectados vía WIFI.
Line
Conseguiu facerlle fronte á todopoderosa Whatsapp e sumar ata 140 millóns de usuarios en todo o mundo. Podemos facer chamadas de voz de alta calidade ou chatear intercambiando fotos, vídeos ou divertidos emoticonos. Ademais das chamadas e do chat, Line tamén conta cunha sección de xogos.



