Ciberseguridade

surfsecureEsta semana queremos chamar a atención sobre que precaucións debemos tomar para facer da rede un entorno seguro no que traballar ou comunicarnos. O Inteco (Instituto Nacional de Tecnologías de la Comunicación) presentou no 2012 un estudo sobre seguridade da información e a e-confianza nos fogares españois. Como nos comportamos na rede? Que facemos para previr os posibles incidentes?

Hábitos de comportamento

A maioría, máis do 70 % dos enquisados, non pincha en todos os anuncios que atopa mentres navega, só descarga arquivos de fontes fiables e analiza cun antivirus, manual ou automaticamente, todo o que descarga.

En canto ao correo electrónico, non respondemos nin facemos clic en enlaces de correos sospeitosos nin descargamos arquivos adxuntos de remitentes descoñecidos. Máis do 60 % dos usuarios borra o historial de destinatarios cando reenvía un correo.

O estudo recolle hábitos relacionados, entre outros servizos, coa banca electrónica. A inmensa maioría (o 86 %) pechamos a sesión despois de usar este servizo. 8 de cada 10 evitamos acceder dende lugares onde poidan vernos ou dende equipos públicos ou compartidos. Ademais vixiamos periodicamente os movementos na nosa conta para detectar algún posible fraude.

Medidas de seguridade

dnieDiferéncianse medidas de seguridade automatizables e non automatizables. En canto ás primeiras, máis do 90 % dos usuarios conta cun antivirus e máis do 70 mantén o software do seu ordenador actualizado. A porcentaxe de uso doutros servizos como os programas anti-espía, baixa ata o 50 % aproximadamente.

Sabedes que son as medidas non automatizables? Interesaravos saber que a maioría empregamos contrasinais e borramos cada pouco tempo os arquivos temporais que indican por onde estivemos navegando. Chama a atención negativamente que menos do 30 % dos enquisados emprega o DNI electrónico ou certificados dixitais de sinatura electrónica.

e-confianza

Cada vez confiamos máis nos servizos electrónicos e hai menos persoas que confían pouco ou nada en Internet. Queda camiño que percorrer porque, por exemplo, a porcentaxe de usuarios que confían nas operacións bancarias ou nas compras online está, aínda, en torno ao 45 %.

Desconfiamos, sobre todo, cando temos que dar información persoal. O dato varía se a información a pide un organismo público (un 40 % confía nel) ou outro tipo de servizo online (36 %).

Nesta semana identificaremos os delitos máis habituais da rede, falaremos co presidente do CPETIG sobre ciberseguridade e tomaremos algunhas precaucións nas redes sociais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.