O sector turístico é un dos máis beneficiados polo desenvolvemento dos dispositivos e servizos tecnolóxicos nos últimos anos. Xa hai tempo que podemos informarnos e reservar unha viaxe sen saír da casa. Hosteltur vén de publicar unha reportaxe coas tendencias tecnolóxicas que transformarán o turismo. Repasamos algunhas das máis interesantes.
- Os dispostivos móbiles como fontes de información. Durante o foro TurisTIC, celebrado en Barcelona no mes de maio, un estudo presentado pola empresa La Magnética, apuntou que 1 de cada 3 visitas a páxinas web de destinos xa é vía móbil; no 2011 a porcentaxe de visitas a webs de destinos e museos dende un dispositivo móbil era só do 5%.
- O concepto SoLoMo. É máis sinxelo do que parece; SoLoMo é o acrónimo de Social, Local, Móbil. Cada vez conectámonos máis ás redes sociais para facer buscas locais dende o noso móbil ou a nosa tablet. Esta tendencia está a xerar novas formas de consumo e novas demandas.
- Páxinas web…, e aplicacións móbiles. En España xa hai máis de 13 millóns de usuarios de smartphone. É obrigatorio que a páxina web dun destino turístico estea deseñada para móbiles. As aplicacións son ferramentas recomendables se aportan algo máis ao usuario: un mapa cos puntos de interese xeolocalizados, acceso á información de axenda, etc.
- Microsegmentación. A definición de microsegmentación, neste caso, podería ser ‘publicidade personalizada’. Seguro que ultimamente lestes en moitas páxinas web a mensaxe “esta web emprega cookies propias e de terceiros para ofrecerche unha mellor experiencia e servizo”; na rede, a publicidade é cada vez máis persoal e cada vez menos masiva. Datos persoais a cambio menos publicidade no correo ou nas redes sociais?
A realidade é que moitos dos destinos non están preparados para os viaxeiros que cambiaron mapas e preguntas por móbiles e tablets. Pero xa sabedes que fenda dixital máis tecnoloxía é igual a oportunidade que convén aproveitar.


