O verán sempre é unha época na que mudamos as nosas rutinas. Posiblemente nos leas máis dende un smartphone, xa que os ordenadores de sobremesa adoitan quedar relegados a un segundo plano estes meses.
No entanto, o verán é un excelente momento para probar algúns trebellos, pequenos e prácticas, que podes levar de viaxe. Velaquí vai a nosa selección de trebellos para facer as túas vacacións máis tecnolóxicas.
Un Router 3G para compartir wifi en calquera lugar

Router wifi con tecnoloxía 3G
Se saes de viaxe, vaias á praia, ao monte ou á casa da túa familia, con este trebello xa non tes escusa para non ter internet. Un router 3g permite compartir datos de forma cómoda con varios dispositivos e sen depender da túa tableta ou do teu smartphone. Sempre é mellor combinalo cunha tarxeta Multisim (comproba se o teu operador oferta este tipo de servizo; consiste en ter varias tarxetas sim que están asociadas ao mesmo número e contrato).
Podes atopalos por menos de 50€.
Ollo co roaming se viaxas fóra de España! Aínda que os prezos baixaron, podes levar algún susto!
Altofalante portátil Bluetooth

Altofalante con tecnoloxía Bluetooth e NFC
Levas a música no teu teléfono móbil, e con este trebello podes ter un equipo de música para animar as túas festas estivais, a praia, o monte ou a piscina.
Actualmente a gama de altofalantes é moi variada e con prezos moi competitivos. Os principais factores a ter en conta para escoller un bo trebello son:
- A conectividade: adoitan empregar o bluetooth, pero algúns equipos máis modernos fan uso da tecnoloxía NFC para poder emparellar o smartphone e o altofalante de xeito sinxelo. Tamén é interesante que se poidan emparellar con varios dispositivos ao mesmo tempo.
- A duración da batería: estes equipos poden recargarse por conexión USB, busca un trebello que outorgue varias horas de duración para que a diversión non se esgote.
- A potencia sonora: non esperes que soen coma unha discoteca, pero un bo dato a buscar nas especificacións técnicas é a potencia sonora. Uns 10W RMS é unha boa cifra.
Hai interesantes altofalantes por menos de 50€.
Cargador USB para o coche

Cargador para coche con dúas tomas USB
As tomas de 12v dos vehículos pasaron de ser practicamente inútiles a ser un tesouro. Lembras cando antes so servían para prender os cigarros? Pois agora o seu uso máis habitual é para alimentar portos USB. Existen cargadores USB para ata catro dispositivos, unha opción máis que interesante para cargar varios trebellos dende esa toma do vehículo.
Batería externa para cargar o teu teléfono

Batería externa con capacidade de 2600mAh (aproximadamente, unha carga completa)
Un obxecto case imprescindible para mochileiros. Se pasas o día fóra da casa, non esquezas levar unha batería portátil para o teu smartphone.
Hainas de todas as formas, cores e tamaños, e no que debes fixarte é na súa capacidade, que se expresa en miliamperios (mAh). Canto maior sexa o número, maior será a súa capacidade, e por tanto maior será o número de cargas que che permita antes de volver a cargar o trebello.
e para ti, cal é o trebello imprescindible para o verán?

