Esta semana falarémosvos do Plan de Modernización 2014-2016 da Xunta, dos retos pendentes da eAdministración. Antes convén facer balance do traballo feito dende o ano 2010.
O Plan de Modernización 2010-2013 buscaba mellorar os servizos públicos, garantir a relación telemática de cidadáns e empresas coa Administración, e facilitar aos empregados públicos os medios necesarios para desenvolver o seu traballo no escenario dixital. Que conseguimos?
Hoxe podemos resolver máis de 600 trámites a través da sede electrónica da Xunta (preto do 40% do total). Ademais, pódense solicitar preto do 57% das axudas e subvencións. No 2013 houbo máis de 17.000 cidadáns e empresas que resolveron os seus trámites a través da sede.
Outro dos logros do Plan foi a configuración do Sistema de Información Único de Rexistro implantado en 35 oficinas. O sistema garante a integración e intercomunicación de todos os servizos e unidades que realizan funcións de rexistro de entrada ou saída de documentos.
Xa falamos de mellora de servizos públicos e da sede electrónica para conectar telemáticamente a empresas e cidadáns coa Administración. Fáltanos dotar aos empregados públicos de ferramentas que lles permitan adaptarse ao novo escenario. Ese é un dos obxectivos do Proxecto Kronos, que acredita dixitalmente ao empregado público e permite a sinatura dixital de documentos.
eAdministración e Admnistración na rede
Ademais de xunta.es que recibe unha media de 10 millóns de visitas, a Xunta puxo en marcha no 2012 o portal de Open Data Abert@s. Publícase información de interese da Administración e dos seus organismos en formatos abertos e estándar, para a súa reutilización por parte dos cidadáns. En Xente Dixital xa vos explicamos que é, que tipo de información podedes atopar e como podedes reutilizala.


