A semana pasada o INE (Instituto Nacional de Estatística) publicaba os resultados da enquisa “O uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas 2013/2014”. Neste período, o uso das TIC nas microempresas galegas superou a media estatal en dispoñibilidade de telefonía móbil, páxina web, uso de redes sociais e interacción coa Administración a través de internet.
A porcentaxe de empresas con menos de 10 traballadores que dispoñen de telefonía móbil acada o 78,4% e un 33,1% das microempresas con conexión á rede dispón de páxina web (un 17,8% máis que o ano anterior).
Chama a atención o dato de uso de redes sociais: o 35,4% das microempresas empregan as redes sociais, superando a media estatal en 3,6 puntos.
En relación ao uso de ordenador e internet, un 65,4% dispón de ordenador e o 62,2% conta con conexión á rede (o 90,3% dispón de banda larga fixa e o 63,5% de banda larga móbil). A contratación de banda larga móbil medrou un 21,6% no último ano.
Por outra banda, a práctica totalidade das empresas de máis de 10 traballadores dispón de ordenador e conexión de banda larga. Entre as que se conectan habitualmente a internet, o 72,4% o fai a través de telefonía móbil de banda larga. En canto ao uso que fan das TIC, o 71,6% das empresas dese segmento dispón de páxina web, o 37,4% emprega un ERP (sistema de planificación de recursos empresariais) e o 32,1% un CRM (ferramenta para xestionar a información dos clientes).
Novas solucións TIC
As tecnoloxías cloud teñen cada vez máis presenza. Un 13,1% das empresas galegas de máis de 10 traballadores mercaron algún servizo de cloud computing, para o almacenamento de arquivos ou para xestionar o correo electrónico por exemplo.
Ademais, o 33,2% das empresas de 10 e máis empregados utilizaron medios sociais como Facebook, Linkedin ou Google+ para desenvolver a imaxe de marca e dos seus produtos. Destaca que o uso das redes sociais nas grandes empresas galegas medrou case un 30% no último ano.
eAdministración
Por último, cabe destacar que un 91,8% das empresas galegas de 10 e máis empregados interactuou coa Administración a través de internet, un 3,8% máis que o ano pasado. O 85,1% desas empresas emprega ademais software libre en navegadores, aplicacións ofimáticas e sistemas operativos.



Pingback: Máis cooperación internacional no sector TIC galego - Xente Dixital